Wednesday 24 de April de 2024

A Comisión de Heráldica aproba o escudo e a bandeira do concello ouresán de San Xoán de Río


― A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe a reunión anual da Comisión de Heráldica

― O Goberno autonómico leva aprobados un total de 268 escudos e bandeiras das entidades locais de Galicia atendendo ás peticións dos concellos para adaptar os símbolos ao decreto que os regula

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe a reunión anual da Comisión de Heráldica na que se aprobou o escudo e a bandeira do concello ourensán de San Xoán de Río.
No encontro desta mañá, a comisión tamén informou favorablemente á proposta do Concello de Betanzos para a modificación do seu escudo e acordou aprobar e enviar as propostas heráldicas aos concellos de Oia, Soutomaior, Punxín, Gondomar e Mugardos, así como á Entidade Local Menor de Morgadáns (Gondomar). Ademais, na reunión examinouse o estado de tramitación dos expedientes de escudos e bandeiras do Carballiño, Rodeiro e Alfoz.
Polo que respecta aos novos símbolos do Concello de San Xoán de Río, serán oficiais unha vez que sexan aprobados polo Consello da Xunta.
O Goberno autonómico leva aprobados un total de 268 escudos e bandeiras das entidades locais de Galicia no seo da Comisión Heráldica da Xunta, tras a petición dos respectivos concellos de modificar ou rehabilitar os seus símbolos para adaptalos ao decreto que os regula.
Segundo explicou a directora xeral de Administración Local, os municipios e as demais entidades locais de Galicia poderán adoptar escudos heráldicos e bandeiras propios e privativos, modificar os xa existentes ou rehabilitar os que historicamente se empregasen, baseándose sempre en feitos históricos ou xeográficos característicos e peculiares do seu territorio e conforme ás normativas de heráldica.
Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non fosen aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo daqueles que foron aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de competencias a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.
A Comisión de Heráldica é o órgano consultivo da Xunta de Galicia adscrito á consellería competente en materia de réxime local, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, sendo a encargada de emitir informes vinculantes de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais galegas. Ademais, poderá elaborar as correspondentes propostas para a modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras daquelas corporacións locais que así o soliciten, sen ningún cargo para a entidade local interesada.